Marcha ciclista ata a praza do Obradoiro en apoio a Ezequiel Mosquera. SOLUCIÓN XA¡ XUSTIZA CON EZEQUIEL¡ XUSTIZA CO CICLISMO¡ O domingo día 7 de agosto terá lugar un acto de apoio ao ciclista de Teo, Ezequiel Mosquera, ante a inxusta situación deportiva e persoal que está a padecer un dos mellores ciclistas galegos de sempre. Os organizadores deste acto de apoio animan a todos aqueles ciclistas, deportistas, e afeccionados a que se acheguen a Casa do Concello de Teo ás dez da maña, lugar de onde partirá a marcha ciclista cara a praza do Obradoiro. Trátase dun xesto de apoio que os ciclistas galegos queren manifestar no Obradoiro, ante unha situación incomprensible e inxusta que está a padecer Ezequiel que ten bloqueada a solución do seu caso e que, sen estar sancionado, non compite á espera dun pronunciamento por parte da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) que non chega transcorridos xa 11 meses e no que, sen causa aparente, parece non ter preocupación de mover ficha algunha. Na práctica está sendo castigado sen ser xulgado, cunha sanción tácita por algo que as normas non castigan, sen térselle respectada a presunción de inocencia, e sen posibilidade de poder exercer a tempo unha defensa que repare tódolos perxuizos profesionais e persoais que está a padecer no que son os seus últimos anos, e os mellores, da súa carreira deportiva. A convocatoria pretende recordar que eles NON PASAN de Ezequiel Mosquera, e que están aí para mostrar o seu apoio criticando que outros moitos, que se ben estiveron cando tocaba sacarse a foto, agora simplemente non se acordan del. Neste sentido cabe defender a Ezequiel coma un grande ciclista, un ciclista de primeira, que merece o mesmo trato e apoios na defensa da súa inocencia coma outros ciclistas teñen recibido. Agardamos que con esta marcha esperte o apoio institucional que Ezequiel merece e que os organismos que nestes momentos teñen o poder de decisión actúen coa responsabilidade e premura que ata agora non tiveron. En Teo, a 5 de agosto de 2011